Ernesto Patio Bar

 

Tino

Contacto

Ernesto, nome xermano que significa ‘serio, perseverante’. “Homes fortes, emprendedores… Son honestos e moi amigos dos seus amigos”. E esta é a filosofía do noso proxecto, da nosa pequena aventura… Recuperar a tradición e a maxia dun local que foi unha perfumería de sona nos primeiros anos do século pasado, a Perfumería Pereira, e convertelo nun lugar de encontro acompañados de amigos que gocen do bo comer e de pasalo ben.

Como lembraredes moitos de vós, este local acolleu a xoiería Apolinar e tamén “O Ernesto”, un bazar no que podías atopar de todo. Dende sementes, ata vasoiras e mesmo xabóns. Concha e Ernesto traballaron aquí máis de trinta anos. Toda unha vida. Dinnos que a casa deixa anécdotas e lendas, entre elas a de que, neste inmoble, hai unha bolsa con moedas de prata que alguén escondeu hai moitos anos. Nesta nova andaina, Ernesto Patio-Bar quere ser un lugar de reunión: un lugar onde poidas tomar un café nun ambiente agradable, un lugar onde recuperemos a sesión vermú, onde volvamos ver xente xogando o chinchimoni e onde tapas, viños e cervexas sexan unha constante. Un lugar onde compartamos mesa e mantel arredor dunha boa tapa de polbo, dun bo cocido ou, por qué non, dunha ensalada vegana ou dunha creppe. Os tempos cambian, hai cousas que evolucionan e outras que son inmellorables. A nosa intención é manter o “inmellorable” e incorporar o atractivo do produto novo mantendo sempre a calidade e o bo facer.

Con esta filosofía renace “Ernesto”, un lugar de reunión e de diversión no que mesturemos o que fomos, o que somos e o que seremos. Grazas por vir a “Ernesto” e por formar parte da súa historia.